Fondo Arde Lucus Concello de Lugo

QUE NON SE APAGUE O LUME! O Arde Lvcvs comezou a súa andaina no ano MMII cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano e castrexo. Conxúganse os aspectos lúdicos, históricos e culturais, coa maior rigorosidade histórica posible e aproveitando que a Muralla é Patrimonio da Humanidade dende o ano 2000. O recinto histórico amurallado transfórmase, cada ano durante tres días, en Lvcvs Avgvsti, destacada urbe da Gallaecia romana, ofrecendo a quen a visita un completo programa de actividades, nun marco incomparable como é a Muralla de Lugo, que cobra durante a festa un especial protagonismo.  Sen dúbida, a nosa cidade ofrece o marco idóneo para este tipo de festa. Outro elemento clave que non podemos esquecer é a implicación das súas xentes, os axentes sociais, colexios, asociacións, clubs deportivos... Xa sexa con roupas romanas ou castrexas, toman as rúas durante toda a fin de semana, participando activamente no espírito da festa.  Grazas ao esforzo conxunto do goberno local, da cidadanía, da implicación de axentes sociais, clubes deportivos, de diversos organismos privados que colaboran a través do seu patrocinio e por suposto das asociacións de Lugo que levan a cabo unha recreación histórica o máis fiel posible, o Arde Lvcvs foi medrando, converténdose nunha conxugación perfecta entre ocio e cultura, nun referente a nivel nacional, cunha grande repercusión mediática e de afluencia de público, e consolidouse de tal xeito que no seu décimo aniversario (MMXI) logrou o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego e no ano 2017 a declaración de Fiesta de Interés Turístico Nacional. Nos últimos anos o Arde Lvcvs acadou prestixio nacional e incluso internacional, formando parte Lugo da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas e da Federación Europea de Manifestacións Históricas; feito que fai estender o potencial de Lugo a través dos seus festexos, tanto en Europa como fóra.
Moitas son as sorpresas que atoparedes nas rúas e prazas do renacido Lvcvs Avgvsti. Lume, música, seres de lenda, guerreiros e guerreiras celtas e lexionarios romanos, civitas e visitantes, seres mitolóxicos… Non teredes que aguzar moito a vista para topar con eles, pasea polas nosas vías e comparte o noso pasado.

MACELLVM Punto de reunión por antonomasia, o mercado é un fervedoiro constante de actividade. Xentes indo e vindo, exóticas mercadorías procedentes de todos os recunchos do imperio, maxia…, todo o que poidas imaxinar, e aínda máis, atoparalo no Macellum do Arde Lvcvs. E non temades nada, a Cohors III Lucensium ten instalado o seu campamento nesta praza, salvagardando a seguridade da cidadanía do imperio, así como as Vestais de Lvcvs Avgvsti, que preservan o lume sagrado

CASTRA DE LVCVS AVGVSTI O campamento do Arde Lvcvs é moito máis que un asentamento militar do imperio romano, é un espazo cheo de vida, cunha continua trasfega no seu interior. Lexionarios e gladiadores, xentes de Lvcvs Avgvsti e doutras zonas do imperio conviven e comparten espazo con diferentes tribos castrexas. Aquí poderás participar en moitas e variadas actividades, teñas a idade que teñas, e poderedes visitar as xentes de Terra Copora, a cidadanía de Civitas Lucensis, as tribos de Tir Na N’Og e Lugdunum, as familias romano-castrexas e Clan de Breogán.

CIRCVS O esplendor de Lvcvs Avgvsti debe reflectirse tamén na categoría do espectáculo que a Roma clásica lles ofrece ás e aos civitas: O CIRCO! Na súa area loitarán a morte os máis importantes gladiadores do imperio, e o seu público será o máis entregado e fervente que se teña visto en toda Hispania.

ASENTAMENTO GALAICO Queres visitar a unha tribo galaica?, achégate ao campamento de Trebas Galaicas, coñecerás de primeira man o día a día deste pobo.

VODAS E BAUTIZOS Queres casar no Arde Lvcvs e vivir esta experiencia tan mística? As vodas romanas teñen moito parecido coas occidentais: o anel de compromiso, o veo ou o bico nupcial, foron herdados da Antiga Roma. O matrimonio é o fundamento da familia romana e simboliza a unión de dúas persoas, implicando consorcio para toda a vida e igualdade de dereitos divinos e humanos.  As vodas celtas son unha unión amorosa na que a muller decide, ano tras ano, se quere renovar a unión de parella. Para os celtas, dúas almas únense para que as forzas e as calidades se dupliquen e suplan as carencias e defectos co apoio e aprendizaxe do outro.  Ademais, os máis pequenos tamén se poden bautizar como romanos ou castrexos para ir empezando o seu camiño.