Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
Arde Lvcvs Cvltvral MMXXI, medio cento de actividadesda man de romanos e castrexos

01-05-2021

O edil de Xuventude, Mauricio Repetto, destaca que a programación, “que non defraudará”, combinará actos online e presencias, “con todas as medidas sanitarias”.

 A veciñanza poderá elixir entre multitude de obradoiros, paseos guiados, charlas culturais e de expertos, conferencias internacionais e ciclos de cine.

 Un ano máis porase en marcha o concurso de relatos curtos sobre a vida dun clan galaico e o concurso para adornar fachadas e balcóns.

O Arde Lvcvs Cvltvral, organizado dende a área de Xuventude do Concello de Lugo en colaboración coas 19 asociacións de recreación histórica da cidade, desenvolverá medio cento de actividades durante o mes de maio e xuño, accións que serán o preludio dun Arde Lvcvs aínda que, por motivos da pandemia, manterá un perfil afastado dos grandes fastos que atraían todos os anos a miles de visitantes. 

Nesta nova edición do Lvcvs Cvltvral, as accións lúdico culturais volverán ser abertas e gratuítas e, seguindo os pasos do 2020, debido as restricións fixadas polas autoridades sanitarias pola covid-19, diminuirán as presenciais e impulsaranse as de carácter online. “A programación, que pechamos con todas as asociacións romanas e castrexas que lle dan vida ao Arde Lvcvs e onde elas serán as protagonistas, compaxinará o virtual co presencial, e non defraudará en ningún dos casos”, destacou Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude. 

A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, anima á veciñanza a participar, pero lembra que se deben cumprir sempre as limitacións sanitarias “porque o que pretendemos é gozar e seguir aprendendo co noso rico patrimonio e as nosas tradicións, que debemos manter e coidar, pero sen arriscar nunca a nosa saúde e a dos demais”.

PROGRAMA > https://docdro.id/jsbCw4Q

CONCURSO RELATOS CURTOS A vida dentro dun clan galaico > https://cutt.ly/nbTyoyV