Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
ARA ROMA ara.roma.lucus@gmail.com

Somos unha asociación de recreación centrada no mundo místico e relixioso da antiga Roma.  Augures, arúspices, sibilas, flámines… conviven no Templo de Ara Roma onde se rende culto aos Deuses Júpiter, Juno, Apolo e Minerva. As decisións importantes para o devir da sociedade romana consultábanse a augures e arúspices. Nos libros sibilinos quedan as profecías das sibilas, sendo estos consultados en ocasións especiais. As portas do noso Templo abriranse cada ano no Arde Lucus para honrar aos Deuses, consultar os vaticinios ou realizar as súplicas.

ASEMBLEARIAS LUCUS AUGUSTI asemblearias.lucusagusti@gmail.com

Asemblearias de Lucus Augusti é unha asociación feminina cultural e de recreación histórica. Esta asociación naceu coa intención de difundir o rol das mulleres máis transgresoras, poderosas e influentes da Antiga Roma. Desde emperatrices que conseguiron gobernar un vasto Imperio, ás primeiras patricias que exerceron a avogacía na civilización romana. As nosas actividades son moi diversas, desde conferencias e charlas en diferentes institucións, ata representacións teatrais ou actividades recreativas infantís. Así mesmo temos a firme intención de representar á nosa cidade, Lucus Augusti, en todos os eventos de recreación histórica de ámbito rexional e nacional. No Arde Lucus as nosas patricias visten as súas mellores galas. Convidámosvos a entrar no Palatino (residencia de Augusto) e coñecer ás damas da familia imperial: Livia Drusilla, Octavia Minor e Alfidia. Aínda que se de verdade queredes pasar un bo intre, non vos perdades as artimañas que as letradas Amesia Sentia, Gaia Afrania e a soada oradora Hortensia, teñen preparadas con 'A conspiración das patricias' que se representará nas inmediacións do Palatino. Pero ademais, este ano celebraremos a festa máis popular entre as mulleres romanas 'a festa da bona Dea'. Aínda que para esta última, avisamos de ante man, que haberá unha parte final na cal, só poidan asistir mulleres (non é capricho, a tradición e a historia fielmente recreada, mandan).

CAETRA LUCENSIUM info@caetra.org / www.caetra.org

Caetra Lucensium é unha asociación fundada en febreiro do ano 2010 dedicada á recreación histórica do mundo romano en Lucus Augusti. O nome da Asociación foi tomado do nome da moeda coñecida como MONETA CASTRENSIS supostamente acuñada na ceca de Lucus Augusti durante as Guerras Cántabras, recreando todos os anos a fabricación da Caetra durante o Arde Lucus na nosa CECA. O noso obxectivo é reproducir o máis fielmente posible a vida cotiá da familia romana tocando tódolos aspectos tanto familiares e sociais coma militares, trasladando o traballo de todo o ano ao noso campamento, onde poderás gozar do ambiente do noso THERMOPOLIUM, cheirar os aromas da CAUPONA, poderás coñecer aos nosos aguerridos gladiadores da LUDUS CAETRA, ver como escribían en papiros, empaparte de anécdotas, descubrir como os romanos apagaban os lumes, e non teñas medo se te mancas dispoñemos dun VALETUDINARIUM onde che aplicaremos a medicina que practicaban os romanos. Caetra participa activamente durante todo o ano en numerosas festas de recreación de toda o península, facendo de embaixadores da nosa cidade.

CIVITAS LUCENSIS info@civitaslucensis.com / www.civitaslucensis.com

Civitas Lucensis nace como unha asociación sen ánimo de lucro cuxo único financiamento corresponde á cota dos seus socios. Esta asociación está formada por familias de Lugo cuxo obxectivo é introducir aos nenos na historia da nosa cidade, que grazas ao Arde Lucus poden experimentar por se mesmos, ao mesmo tempo que comparten actividades cos seus pais, algo bastante complexo na época actual. Como o nome civitas indica, pretendemos ser unha cidade irmandada entre romanos e celtas demostrando que ambas as dúas culturas poden coexistir en harmonía.

CLAN DE BREOGÁN clandebreogan@gmail.com

É unha asociación sen ánimo de lucro, dedicada á divulgación da cultura prerromana da antiga Gallaecia ademais, aposta pola difusión e fomento dos valores históricos e culturais da nosa provincia. A través da recreación da vida cotiá galaica, pretende facer que o público, en xeral se sinta atraído pola nosa historia e polos nosos orixes. Clan de Breogán é unha asociación que principalmente está formada por familias, unidas por unha mesma paixón, o noso pasado galaico. Está aberta a todos os socios e a toda aquela persoa que queira participar nas súas actividades.

COHORS III LUCENSIUM info@cohorsiiilucensium.es / www.cohorsiiilucensium.es

Cohors III Lucensium é unha asociación cultural e de promoción turística comarcal, sen ánimo de lucro, e con ámbito nacional. Está constituída por socios de diferentes localidades, idades, estudos e profesións que comparten un interese común polo coñecemento da antigüidade, en especial, a presenza romana no noso país. A nosa asociación ten como fins principais o coñecemento e difusión dos pobos asentados na diocese de *Lucus *Augusti na antigüidade en todos os seus ámbitos e expresións.

GUARDIA PRETORIANA - COHORS LVCENSIUM PRAETORIA pretorianoslugo@gmail.com / www.guardiapretorianalugo.es

Asociación cultural inspirada na Garda Pretoriana, que era a garda persoal do emperador e dos cónsules romanos. Esta asociación creouse no ano 2013, principalmente para participar activamente no Arde Lucus, ademais de outras celebracións e actos de representación histórica da época romana.

LUCUS EQUITES lucusequites@gmail.com

A Asociación Lucus Equites é unha asociación sen animo de lucro, nace no ano 2011 e fúndase a partir dun grupo de amigos que compartimos as mesmas inquietudes e intereses principalmente pola historia. Interésanos recrear a historia da mellor maneira posible e así lograr a divulgación dos coñecementos e buscar con iso a preservación deste legado.

LUCUS ICENAS MILIATORE lucusicenasmiliatore@gmail.com

Asociación de recreación histórica que representa á raíña da tribu icena britania, Boudica, que liderou aos pobos celtas britanos contra o asedio romano, gañando varias batallas. Son símbolo de forza e loita e irán caracterizadas de xeito moi colorido e vistoso.

LUGDUNUM lugdunumlucus@gmail.com / www.lugdunumlucus.es.tl

Lugdunum é unha asociación cultural, deportiva e veciñal con espírito celta. Un espírito no que cremos, que queremos coñecer e estender, para compartir con todo o mundo esta nosa cultura.

MERCENARIOS GALAICOS mercenariosgalaicos@gmail.com

A asociación de recreación histórica Mercenarios Galaicos, non pretende mais que seren unha mostra da contribución o coñecemento de certos puntos da historia dos nosos antergos, non moi coñecidos pola sociedade actualmente, de seu a imaxe que termos dos galaicos son dun pobo illado, que ata a chegada dos romanos, non tivo vinculación co resto das culturas o redor do mediterráneo, nada mais lonxe da realidade, a presenza de valentes e aguerridos homes da nosa terra nos exércitos de Cartagho, non deixa de seren unha mostra das antergas conexións mercantís dos galaicos cos fenícios. Por outra banda a necesidade de abrilo Arde Lucus os barrios de fora das murallas levounos a faceren esta asociación, que tentara dinamizar culturalmente o seu berce, durante todo o ano con distintas seccións e traballos, esta mesma necesidade lévanos a ter relacións xa establecidas con asociacións doutros lugares da península cas que colaborar e mostrarllela beleza da nosa insigne cidade.

PAX ROMANA LUCUS paxromanalucus@gmail.com

Centuria, decuria, legio, scutum, castra, ballista, gladius. cingulum, pilum,... moitos son os termos con vínculos bélicos que relacionamos cando nos referimos a “os romanos”. pero moitos mais son, ou foron, os empregados por estas xentes e que hoxe moitos de nos descoñecemos (tabulae, impluvium, actuari, apoditerium, capsa, solea, pelius, caupona, thermopolium, bula, opus, miliarium, groma, dioptra, lucerna, mitra,...) e por isto que entendemos que será a familiaridade con todos estes termos a que nos achegue de verdade á “cultura romana” e por suposto a que nos axudará a entender a “os romanos” como un pobo civilizado, iso si, cun dos maiores potenciais militares da historia. É esta visión a que como Asociación Cultural para a Divulgación e Recreación Histórica (A.C.D.R.H.) mais nos interesa. o noso proxecto inicialmente cativo, pero con afán de crecemento, vai polo tanto encamiñado a difundir as tarefas e costumes que marcaron e definiron á cidadanía da época, entre elas incluímos as constumes sociais, a organización política, as crenzas relixiosas, as técnicas arquitectónicas e inxenieiras, o sistema educativo, o sistema monetario, as preferencias para o ocio, a gastronomía, a vestimenta, o coidado persoal e a saúde,... sempre sen esquecer o exército que tanto lles deu. Será polo tanto a idea de divulgar o cotiá a que rexa a “A.C.D.R.H. Pax Romana Lvcvs”, e o periodo denominado Pax Romana ou Pax Augusta (27 a. c. / 180 d. c.), como periodo caracterizado polo desenvolvemento cultural e económico, a paralización dos enfretamentos bélicos e o entendemento entre os pobos do imperio, do que collemos o nome para este ilusionante proxecto.

SALESIANI LUCI AUGUSTI slalugo@gmail.com / www.salesianiluciaugusti.com

Son as siglas da Asociación cultural SALESIANI LUCI AUGUSTI (Salesianos do Lugar de Augusto), o noso referente é D. Bosco e o noso símbolo é o nó de Salomón. Somos un gran grupo cuxos integrantes formamos parte da Comunidade Educativa do colexio Divina Pastora- Salesianos de Lugo (Alumnos, ex-alumnos, familias, persoal docente e non docente?). O obxectivo da nosa asociación é o de camiñar xuntos, en familia, con ilusión e alegría para coñecer e revivir dunha maneira lúdica as nosas orixes.

SENATUS LUCUS AUGUSTI senatuspopulusquelucensis@gmail

Para a edición MMXII da festa Arde Lucus, o Concello de Lugo organizou unha actividade teatral para recrear un Senado local, intervindo coas súas actuacións en momentos importantes do programa de actos (apertura do macellum, circo romano, firma do tratado de paz?). A principios de MMXIII, os integrantes de o Senatus de Lucus Augusti constituíronse en Asociación para promocionar tanto esta celebración en concreto como a cidade de Lugo en xeral a través da recreación histórica deste órgano de goberno local.

TERRA COPORA secretaria.terracompora@gmail.com / terracopora.wordpress.com

Terra Copora é unha asociación de recreación cultural e histórica que xorde en 2008, de interese común para as orixes da nosa cidade e para o emocionante contexto histórico-cultural da época.
Buscamos representar, sobre todo, a comuñón entre as culturas galega e romana, a convivencia pacífica e simbiótica entre ambas. Revivir o esplendor da terra Copora, tanto no mundo castrexiano como romano, é o noso principal obxectivo, reconstruíndo a vida cotiá das persoas que foron a orixe da nosa cidade, a nosa cultura e tradicións. Para iso temos dúas liñas de representación, unha unidade familiar tradicional galega Copora, [aldea situada no convento de Lucense entre as cidades de Lucus Augusti e Iria Flavia - (Padrón)] e unha unidade romana representante da cohorte Cohors I Celtiberorum. auxiliar situado neste convento, na Ciadella (Sobrado dos Monxes) entre o ano 123 e o 409 dC co que fomos pioneiros na recreación dun VALETUDINARIUM en Lucus Augusti.

TIR NA N’OG

Asociación xuvenil sen ánimo de lucro que nace en agosto do 2008, inicialmente para promocionar e participar na festa de romanos e celtas do Arde Lucus, pero que evolucionou a unha asociación que se dedica tanto á recreación histórica como a organizar diversas actividades de animación e talleres. Tir Na n\'Og significa literalmente \'a terra dos mozos\' en lingua celta. Para eles, era unha illa fantástica onde habitaban diversos seres feéricos, como os Tuatha de Danann. Propuxémonos a ambiciosa tarefa de divertir e entreter á xente alí onde vaiamos.

TREBAS GALAICAS asociaciontrebasgalaicas@gmail.com

Trebas Galaicas é unha asociación fundada no ano 2011, dedicada á recreación histórica e á difusión do patrimonio histórico cultural. Recréase a etapa inmediatamente anterior á conquista romana da Gallaecia, poñendo especial énfasis na recreación da forma de vida, cultura, tecnoloxías, e formas de loita dos Galaicos.

VESTALES LUCUS AUGUSTI vestaleslugo@gmail.com / vestaleslucusaugusti.wordpress.com

No ano 2014 o Concello de Lugo decidiu crear un novo grupo de recreación histórica para o Arde Lucus MMXIV baseado nas Sacerdotisas Vírxenes Vestais. Ese mesmo ano, tras ver a acollida que tivo este grupo e as súas representacións, as mulleres que o compoñían decidiron constituírse na Asociación de Recreación Histórica sen ánimo de lucro \'Vestales de Lucus Augusti\' para promocionar aínda máis, se cabe, o Arde Lucus en xeral mediante a recreación histórica de esta Institución Relixiosa romana cuxa principal misión era protexer o Lume Sagrado de Vesta (Deusa do Fogar) do que dependía a prosperidade e seguridade de Roma.
E tamén poderás coñecer os Seres Mitolóxicos de Lvcvs Avgvsti