Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
O Arde Lucus Cultural da o pistoletazo de saída este sábado conmemorando a Festa da Primavera na Horta do Seminario

25-03-2022

As asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas participarán con obradoiros e unha representación das vodas celtas e ofrendas.

O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, animou á cidadanía a participar nesta previa á gran celebración de xuño, “que este ano recuperará todo o seu esplendor·.

As 20.00 horas haberá un desfile polas rúas, e o Club de Bolos Celtas Muralla organizarán unha xornada de lanzamento no Cantiño Nemesio Cobreros.

Lugo prepárase un ano máis para revivir o seu pasado romano, e como antesala a súa gran festa de recreación histórica, que se celebrará do 8 ao 12 de xuño, comezan xa as actividades do programa Arde Lvcvs Cultural, impulsadas polo Goberno de Lara Méndez.

A primeira delas será a Festa da Primavera, que se desenvolverá este sábado, 24, na Horta do Seminario, de 11.00 horas a 20.00 horas. Segundo lembrou o concelleira de Xuventude, Mauricio Repetto, “é unha das festividades galaicas máis importantes antes da chegada do Imperio Romano e con gran influencia na nosa cultura, dado que este tipo de celebracións marcaban os cambios de estación e a chegada do bo tempo, pasando ás estacións de fertilidade, luz e vida, deixando atrás as estacións máis frías e escuras”.

Así, este sábado, as asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas participarán con diferentes obradoiros de traballos en coiro, barro, cociña e cestería, pero tamén prepararán unha representación das vodas celtas, das ofrendas dos e rituais inspirados nos antigos poboadores. Ás 20.00 horas haberá un desfile polas rúas da cidade.

Repetto anima á cidadanía a participar nesta primeira acción dun completo programa de actividades previo ao gran Arde Lvcvs, “que este ano recuperará todo o seu esplendor tras dos anos de pandemia”. O concelleiro puxo en valor o traballo que están a realizar  as 19 asociacións de recreación histórica do municipio, e avanzou que o Arde Lvcvs Cultural, “que anunciaremos nos vindeiros días, inclúe medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, que se desenvolverán ata xuño”.

Ademais, o sábado tamén terá lugar, no Cantiño Nemesio Cobreros, unhas xornadas de lanzamento de bolos organizadas polo Club de Bolos Celtas Muralla, de 10.00h a 14.00h en xornada de mañá, e de 16.30h a 20.30h pola tarde.

Festa da Primavera

Cando os días e as noites teñen a mesma medida, se di que o universo está en equilibrio e que ese equilibrio transcende a todos os mundos. Todos os elementos da natureza están igualados, o feminino e o masculino se equiparan e nivelan, e eso converte a este momento nun dos máis importantes do calendario Celta.

Conta a lenda que a Deusa Navia, nos días de Equinoccio, percorre os camiños facendo brotar a seu paso as fontes de todos os rincóns da espesura, aumentando o caudal dos seus ríos e dando vida e forza a cada planta, a cada un das árbores dos seus bosques… Unha festa de auga, sol e enerxía. É o momento do renacemento, de recuperar a forza perdida despois da larga escuridade do inverno.

Programación Festa da primavera

  • 11:30 h. Obradoiro de traballos en coiro
  • 12:00 h. Obradoiro de traballos con barro
  • 12:30 h. Pregúntalle ao péndulo
  • 13:00 h. Representación de vodas Celtas
  • 13:30 h. Cociña Galaica
  • 16:15 h. Mostra traballo de cestería
  • 16:45 h. Oráculo Galaico
  • 17:30 h. Representación de vodas Celtas y escenificación de Loita Galaica
  • 19:00 h. Ofrendas e rituais á deusa Navia
  • 20:00 h. Desfile polas rúas da cidade