Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
idiomas
A moeda oficial do Arde Lvcvs MMXXII, acuñada na época do Emperador Caracalla, alude aos deuses e deusas da saúde e a medicina

11-05-2022

Mauricio Repetto e Miguel Alvelo presentaron, no balneario de Lugo, o deseño deste ano, que tamén recolle a figura de Esculapio e seus fillos Hygina e Telesforo.

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 3.500 moedas. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda, valorada en dous euros, poden facelo en distintos establecementos do casco histórico.

O concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, e o presidente da asociación Cohors III Lucensium, Miguel Alvelo, acompañados doutros membros da directiva do colectivo lugués de recreación histórica presentaron este mércores, no balneario de Lugo, a moeda oficial que esta asociación acuña, por décimo primeiro ano, para as festas do Arde Lvcvs. Estes festexos cumpren 21 anos e celebraranse do 9 ao 12 de xuño.

Mauricio Repetto apuntou que “nesta edición o Arde Lvcvs recuperará o seu esplendor, da man das 19 asociacións lucenses implicadas no seu desenvolvemento, tras dous anos de festa en mínimos, a causa das restricións derivadas da pandemia”. “Deste xeito, volveremos a contar tamén coa moeda oficial da festa, unha iniciativa con gran éxito, e que estará relacionada nesta ocasión co mundo dos deuses e deusas da saúde e a medicina”, engadiu o edil.

Trátase dunha moeda ou medalla de bronce, sen valor económico concreto, acuñada na cidade de Pitia –actualmente en territorio Búlgaro–, na época de Marco Aurelio Severo Antonino, Emperador de Roma do 211 ao 217, máis coñecido como Emperador Caracalla. No anverso aparece un busto acorazado, con paludamento do propio Emperador Caracalla, coa cabeza laureada mirando a dereita tal e como pon a lenda escrita en grego, habitual nas moedas romanas.

Mentres que no reverso, figura estante de Asclepios (deus grego) ou Esculapio (deus romano) ambos en todo caso, deuses da mediciña situados á esquerda descansando sobre vara e serpe. Na parte contraria, aparecen os seus fillos Hygina (Higiene) que alimenta á cobra ou serpente no seu colo e unha cunca na man esquerda e outro dos seus fillos Telesforo (deus da convalecencia) cuberto cun gorro frixio.

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 3.500 moedas. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda, valorada en dous euros, poden facelo en distintos establecementos do casco histórico.

Arde Lucus cultural

Neste mes de maio continúa a programación do Arde Lvcvs cultural. Ao longo do mes, Senatus Lucus Augusti impartirá charlas sobre o ‘Senado, o Arde Lucus e a historia de Lugo’; Pax Romana impartirá xornadas de debuxo con xiz no chan; Salesiani Luci Augusti amosará a construcción dun mosaico con teselas de barro, así como a fabricación dunha cota de malla e a elaboración de coroas, e Vestales Lucus Augusti realizará estampacións en téxtil. Por último, A Ponte Romana acollerá a recreación histórica máis auténtica da vida cotiá dunha sociedade castrexa da Idade do Ferro tardía: O pobo dos Namarini, da man de Tir Na N’Og.

Do 1 ao 15 de xuño no centro comercial As Termas, haberá una exposición dos carteis da Festa Arde Lvccs dende o 2001 ata a actualidade e programaranse actividades da man de Ara Roma (obradoiro de reloxos) e Vestales Lucus Augusti (obradoiro de estampación).

As actividades pódense consultar na web e redes de festa Arde Lvcvs (www.ardelucus.com) e a inscrición das actividades pode realizarse en www.formulario.xuventudelugo.gal.