Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
A XIX edición do Arde Lucus manterá a chama viva con medio centenar de actividades e o seu lanzamento virtual

19-06-2020

A alcaldesa Lara Mendez e a edil Ana González presentan a programación da festa, que se reinventa para adaptarse ao novo escenario coas limitacións derivadas da crise sanitaria
 
O lume sagrado iluminará, desde o vindeiro xoves, 25, ata o domingo, 28 a torre do edificio do Concello, que se engalanará de xeito especial para a celebración
 
Os colectivos da celebración prepararon actos e obras teatrais en vídeos que se emitirán polas redes sociais do Arde Lucus e do Concello para que cheguen a toda a cidadanía
 
Os festexos contarán tamén con actividades de carácter solidario e de lembranza das vítimas do COVID

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude Ana González presentaron esta mañá o programa que este ano lle dará vida á XIX edición do Arde Lucus nas mesmas datas de celebración previstas inicialmente, os vindeiros 25, 26, 27 e 28, co fin de manter o espírito vivo da celebración. Serán máis de medio centenar de actos e actividades organizadas polos colectivos de recreación histórica que organizan a celebración conxuntamente co Concello e que se adaptan ao novo escenario derivado da crise sanitaria e que encherán as redes sociais de personaxes procedentes da época romana-castrexa da cidade.

“A Arde Lucus, é unha festa dinámica, viva e en constante renovación, e este ano reínventase para manter viva a súa chama, que non só é un desexo senón unha necesidade incluso anímica para a nosa cidade nestes difíciles momentos de incerteza”, comentou a rexedora, que avanzou que, “con carácter simbólico, esa chama, o lume sagrado, iluminará virtualmente desde xoves a torre do reloxo da Casa Consistorial, que tamén se engalanará para a ocasión”, sostivo a rexedora.

“O Arde Lucus máis físico será de carácter máis interno porque non virán as miles de persoas que visitaban a cidade noutros anos, pero grazas a actividades virtuais chegará a todos os lugares”, incidiu Lara Méndez, que convidou á cidadanía lucense a caracterizarse todos os días da festa, incluso para realizar as súas actividades habituais, “para manter entre todos o espírito de comunidade cun pasado común”.

Ademais dos traxes, o Concello tamén animou á veciñanza a participar cun concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas.

Súmase a este certame, o de caracterización, que consiste en subir fotografías, en modo público, ao Facebook co hastag #concursovolveremos. Os premios consisten en experiencias dunha fin de semana nalgunha das cidades e vilas que se integran, cos seus festexos e xunto ao Arde Lucus, na Asociación Española de Festas Históricas

Nas rúas, tamén persistirá viva a alma romana castrexa coa proxección dun video mapping nocturno na Mosqueira coas imaxes dos festexos de anos anteriores. Será de venres a sábado, días nos que se notará a presenza de soldados romanos nas rúas.

O Arde Lucus máis virtual

A concelleira de Xuventude sinalou que redes sociais tinguiranse tamén do vermello do Arde Lucus, transformándoas por completo e enchéndoas de personaxes ancestrais que non coñeceron as novas tecnoloxías. “Será unha edición virtual pero igual de apaixonante”, comentou.

Entre as novidades, anunciou a presenza da festa no popular vídeo xogo Super Quique, no seu nivel 2, que se estreará os vindeiros días.

Por outra banda, a carreira Mvrvs Lvcis tamén cambia este ano. Esta cuarta edición será virtual e solidaria, pois o recadado irá destinado ao acopio de material de protección para persoas vulnerables que as soliciten a través de asociacións que traballen no eido social. Os romanos e castrexos pasarán de retarse polo adarve da Muralla a unir esforzos para axudar aos máis necesitados en tempos difíciles. No sitio de ser o venres, como a miúdo, esta proba estenderase a venres, sábado e domingo.

O Arde Lucus tampouco quere esquecerse das vítimas do COVID, por iso,  conxuntamente coas asociacións que son a alma da celebración, organizarase unha homenaxe floral aos pés dos fundadores no fondo da Praza Maior.

Ademais programarase un acto emotivo ao redor da Muralla coa mensaxe ‘Que non se apague o lume’, con vistas a seguir preparando o vinte aniversario no 2021 do Arde Lucus así como a súa internalización.

A alcaldesa de Lugo e a concelleira agradeceron a participación das asociacións de Lugo, que “levan a cabo unha recreación histórica fidedigna, e que de novo sosteñen un gran número de actividades do programa.  Esta implicación é unha das peculiaridades destes festexos, a que nos fixo conseguir ser Festa de Interese Turístico Nacional e coa que intentaremos, traballando xuntos, o recoñecemento internacional”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Arde Lucus | Descargar mp3
  • A concelleira de Xuventude, Ana Gonzalez, sobre o Arde Lucus | Descargar mp3