Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Os últimos tres martes de decembro serán de Arde Lvcvs Cvltvral telemático

15-12-2020

O Arde Lvcvs Cvltvral, que organiza o Concello xunto ás asociacións de recreación histórica de Lugo, achegan novas actividades, neste caso, serán telemáticas. Emitiranse todos os martes restantes do mes de decembro, nas redes sociais oficias do Arde Lucus, ás 12:30 horas, dende o día 15.

Os últimos tres martes de decembro son de Arde Lvcvs Cvltvral telemático. Trátase da programación, organizada por Xuventude e as asociacións de recreación histórica de Lugo, que este 2020, por mor da pandemia, celebrouse nos últimos meses do ano, adaptado ao novo escenario provocado pola Covid-19. Consisten en tres actividades distintas: un taller de lectura de fábulas, unha xornada virtual de recreación do Castro Vivo e un obradoiros sobre a lórica hamata romana.

O martes, 15 de decembro, a asociación Salesiani Luci Augusti encargarase de dirixir un taller de lectura de fábulas na época romana, comentando a súa importancia no mundo romano, así como procedendo á lectura de diversas narracións.

O seguinte martes, 22 de decembro, Tir Na N`og ofrecerá unha xornada virtual que consiste na recreación histórica máis auténtica da vida cotiá dunha sociedade castrexa da Idade do Ferro tardía: o pobo dos Namarini. O formato de recreación empregado é o denominado “Castro Vivo”, o cal está inspirado na recreación histórica europea, non centrada en actividades illadas, senón na coherencia dunha escena da vida cotiá onde diferentes persoas están a traballar en diversos oficios e actividades, coa finalidade de que o público sinta que está a ver unha escena típica da vida daquela época e transmitir a historia dun modo máis visual e dinámico: recreación da vida cotiá do pobo dos Namarini á beira do Río Miño. Nesta actividade, poderase observar a fabricación, e posterior navegación, cunha “Coracle”, embarcación de época fabricada con varas de salgueiro trenzadas e peles. Tamén haberá tempo para contemplar a elaboración de comida usando ingredientes e métodos de elaboración coñecidos na época castrexa. Entre outros, amosarase afumado e cociñado de carne ou pescado e elaboración de pan de landras, castaña ou millo miúdo.

Por último, o día 29 de decembro, Salesiani Luci Augusti falará sobre a historia da Lórica Hamata romana. Así mesmo, ofrecerá unha explicación de como confeccionala, dende a adquisición do arame á finalización total.

Dende mediados de setembro, esta programación ofreceu distintas ponencias e charlas, impulsadas polos colectivos Cohors III Lucensium e Vestales de Lucus Augusti; andainas, coa Guardia Pretoriana e Salesiani Luci Augusti, paseso con Paulo Fabio Máximo e Güidox, e unha búsqueda do tesouro con Asemblearias Lucus Augusti.