Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Portada
linea

Catorce anos antes de nosa era, o legado Paulo Fabio Máximo fundou en nome do Emperador de Roma a cidade de Lvcvs Avgvsti, nun lugar alto próximo ao Miño, o maior río de Galicia. Esta sería a capital do Convento Xurídico Lucense, é dicir, o noroeste dunha gran Gallaecia que se estendía polo sur ata o río Douro. As minas de ouro de Gallaecia foron unha base moi importante da economía imperial, e Lvcvs Avgvsti chegaría a ser unha importante cidade provincial.Tres séculos despois, a estrutura urbana da cidade modificouse e desprazouse lixeiramente, aínda que coincidindo na maior parte coa planta anterior.

Eran tempos críticos desde o punto de vista político e militar. Levantáronse novas defensas: unha muralla de máis de dous quilómetros de perímetro, coroada por 85 poderosas torres. Ao caer o Imperio, a Gallaecia romana foi a base territorial da monarquía sueva, o primeiro reino que se organizou sobre as ruínas imperiais europeas. Lugo era xa entón unha importante sede episcopal, que, segundo algúns, chegaría a compartir a condición de metropolitana coa de Braga.
Parece que a principios do século VIII os musulmáns chegaron a apropiarse de Lugo, pero pronto volveron ao sur.

A historia destes anos continúa sendo un misterio, e a figura do bispo Odoario ten moito de lendaria. Si se sabe que no ano 842 reuniuse en Lugo un gran exército galego que conquistou Oviedo e entronizó a Ramiro I, o primeiro rei da dinastía galega da monarquía occidental hispánica. Pouco antes, nos tempos de Alfonso o Casto, descubriuse o edículo que se identificou como tomba do apóstolo Santiago, nun lugar despoblado onde hoxe está a cidade de Compostela. Un río de peregrinos empezou a afluir de toda Europa ao lugar sacro, e ese río pasaba necesariamente por Asturias e por Lugo: Castela e León eran entón países inseguros, baixo o dominio musulmán, ou moi expostos aos seus razzias. O Camiño Primitivo das peregrinacións xacobeas tiña en Lugo unha gran cabeceira de etapa, con aquelas poderosas murallas romanas que mesmo resistiron o asedio de Almanzor, eltemible xeral e primeiro ministro do califato de Córdoba.

Cara a finais do século XI, Lugo foi o epicentro dunha guerra civil. O Conde Rodrigo Ovéquiz apropiouse de Lugo, para o que tivo que destruír a antiga catedral, fortaleza do bispo? no marco das rebelións contra Alfonso VI para repoñer no trono de Galicia ao rei D. García. Derrotado o Conde, o agradecido Alfonso VI concederíalles aos bispos lucenses o señorío pleno da cidade. Pero o pobo de Lugo e os seus bispos non sempre estiveron de acordo; durante os séculos seguintes houbo unha sucesión de rebelións xordas ou abertas, entre as cales a máis famosa é a que -segundo a lenda-, dirixiu María Castaña, que matou o mordomo do bispo.

Lugo medrou considerablemente nos últimos séculos da Idade Media, e atopouse a miúdo en situacións de guerra de baixa intensidade: guerra civil na que tomaban parte con cambiantes alianzas, os señores laicos e eclesiásticos, o poder real e os burgueses e o pobo. A principios da Idade Moderna, Lugo sufriu un longo período de decadencia. A cidade era principalmente clerical, e tamén residía nela unha pequena noblezarentista, de vida en xeral ociosa e improductiva. O artesanado e os pequenos comerciantes completaban unha poboación duns catrocentos veciños, é dicir, de dous mil habitantes escasos.

Pero no século XVIII comezou o novo ascenso de Lugo, que ten o seu fito simbólico na concesión de privilexio real para as feiras de San Froilán no ano 1754. Xa o sabio frade benedictino Martín Sarmiento advertía, poucos anos despois, a enorme trascendencia que esas feiras terían para o progreso de Lugo, que se foi convertendo na gran capital agraria de Galicia. Esta condición foi reforzada pola chegada do ferrocarril en 1875, e mantívose durante o século XX. As feiras de San Froilán tiñan unha extraordinaria importancia económica; por exemplo, abastecían de gando cabalar e mular a agricultura de León e Castela, e o ferrocarril fixo de Lugo o principal centro de comercio do gando vacún na Península. Outro feito importantísimo nese proceso foi a creación de FRIGSA que, xunto co de Mérida, foi o gran matadoiro industrial de España, e que marcou a vida da cidade na segunda metade do século pasado.

Actualmente, Lugo ten preto de 100.000 habitantes, e é sobre todo unha capital comercial e de servizos, cun importante Campus universitario, dependente da Universidade de Santiago de Compostela e especializado en ciencias agrarias (Veterinaria, Montes...). A súa condición de cidade romana e o privilexio de contar co único recinto amurallado completo que queda no territorio imperial, fan que sexa tamén un lugar excepcional de turismo cultural.