Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Lugo celebra a chegada da Primavera recuperando as tradicións do pasado histórico local

26-03-2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou esta mañá na realización dun obradoiro de coiro co que arrincaron as actividades do Arde Lucus Cultural.

A programación inclúe a representación de vodas Celtas pero tamén de ofrendas e rituais así como un desfile polas rúas da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, achegáronse esta mañá á Horta do Seminario para gozar dunha xornada lúdica, a ‘Festa da Primavera’, incluída na programación de Arde Lucus Cultural.

A rexedora participou na realización dun obradoiro de coiro co que arrincou a axenda de actividades prevista para esta xornada, organizado da man das asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas que tamén impartiron outros talleres, como o de traballo con barro, para animar á veciñanza lucense a desfrutar dos prolegómenos do Arde Lucus entre os que se inclúe tamén a celebración de vodas celtas e a representación de diferentes ofrendas e rituais así como un desfile polas rúas da cidade.

Lara Méndez puxo en valor este labor previo como parte importante da preparación do ambiente festivo pero tamén para a difusión e o coñecemento das costumes do pobo romano e castrexo.

A rexedora aproveitou a ocasión para agradecer a implicación que ano tras ano amosan as 19 asociacións de recreación histórica do municipio, “que se involucran para que tanto nos meses anteriores – a través deste Arde Lucus Cultural - como na propia Festa de Interese Turístico Nacional, saia todo perfecto e a nosa cidade siga destacando como polo de atracción turística e cultural”, concluíu a alcaldesa de Lugo.