Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
idiomas
Lugo reforzará a presenza policial durante o Arde Lucus para velar pola seguridade cidadá

30-05-2022

A rexedora e a subdelegada do Goberno en Lugo abordaron hoxe, nunha Xunta Local de Seguridade, a organización dos dispositivos para as festas.

Lara Méndez pide un exercicio de responsabilidade á cidadanía, en consonancia co contexto sanitario que persiste, e anuncia unha especial vixilancia do tráfico rodado durante a celebración dos desfiles.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este luns, no Salón de Plenos do Concello, a Xunta Local de Seguridade do Arde Lucus, na que se abordou a organización dos dispositivos de vixilancia que se desenvolverán na cidade durante as próximas festas de recreación histórica.

A rexedora destacou a necesaria colaboración entre os distintos Corpos: Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil, “na procura de desenvolver un operativo coordinado e eficaz que permita realizar un control efectivo sobre os espectáculos e actividades programadas”.

“Así – referiu Méndez - reforzaranse os efectivos para vixiar, especialmente, as aglomeracións que poidan xurdir durante os dous grandes concertos previstos – Saor Patrol e Tanxugueiras - pero tamén para garantir o correcto desenvolvemento dos desfiles, dun xeito específico o escolar, en convivencia co tráfico rodado que se manterá nas vías circundantes ao traxecto polo que discorre e co obxectivo de causar as menores afeccións posibles, antepoñendo, en todo momento, a tranquilidade e a protección de lucenses e visitantes".

A alcaldesa apelou, unha vez máis, á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, convidando á poboación a gozar do primeiro Arde Lucus sen restricións logo de dous anos de pandemia, “polo que instamos á poboación a participar e aproveitalo ao máximo pero sempre con sentidiño e sen esquecer que a saúde segue a ser o primeiro. Non baixemos a garda”, pediu.

Pola súa banda, Isabel Rodríguez expresou "a máxima dispoñibilidade por parte da Subdelegación do Goberno para garantir o éxito do Arde Lucus, como estou segura de que así será". Declarou que "o Concello sabe que pode contar sempre coa colaboración da Subdelegación e das forzas e corpos de seguridade do Estado. Traballamos conxuntamente no día a día co Concello, a Policía Local e os servizos municipais, como merece a cidadanía. Máis aínda nun evento tan extraordinario e masivo como a festa do Arde Lucus que este ano, afortunadamente, volverá encher de xente e de actividades as rúas de Lugo. Así que, como xa lle dixen á alcaldesa, desexo que Lugo festexe por todo o alto e sen ningún tipo de problemas a súa festa de recreación histórica. A Subdelegación do Goberno, a Policía Nacional e o Subsector de Tráfico da Garda Civil estaremos aí para apoiar á organización e salvagardar a seguridade das persoas".

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Xunta Local de Seguridade do Arde Lucus | Descargar mp3