Fondo Arde Lucus Concello de Lugo
idiomas
Medio centenar de actividades sobre a cultura romano castrexa quentan motores ata o Arde Lvcvs da recuperación postpandemia

05-04-2022

O executivo de Lara Méndez preparou un Arde Lvcvs Cultural en abril e maio da man das asociacións implicadas que inclúe ciclos de conferencias, rutas, obradoiros e teatro.

Repetto: “Serán actividades gratuítas e pensadas para a veciñanza de todas as idades e para a xente de fóra de Lugo que queira coñecer mellor o pasado da nosa cidade”.

Haberá charlas sobre o turismo do futuro vinculado coa cidade romana, as gladiadoras prohibidas, a pesca galaico-romana, as vivendas castrexas e os restos arqueolóxicos.

Recuperarase a “Ars Magirica’ con xornadas gastronómicas para degustar tapas inspiradas nos pratos e sabores típicos do mundo romano.

As actividades poderanse consultar na web e redes de festa Arde Lvcvs (e farase a través da páxina web en formulario.xuventudelugo.gal.

Medio centenar de actividades sobre a cultura romano castrexa quentan motores ata a celebración do Arde Lvcvs, que recuperara do 9 ao 12 de xuño o seu esplendor tras dous anos de festa en mínimos a causa das restricións derivadas da pandemia. É a programación do Arde Lvcvs Cultural que se desenvolverá en abril e maio e que prepara o executivo de Lara Méndez da man das 19 asociacións lucenses implicadas no seu desenvolvemento.

Así explicouno hoxe o concelleiro de Xuventude, encargado da organización da festa, Mauricio Repetto, acompañado por unha representación dos colectivos implicados. “Serán actividades gratuítas e pensadas para a veciñanza de todas as idades e para a xente de fóra de Lugo que queira coñecer mellor o pasado da nosa cidade”, sostivo, e puxo en valor calidade de cada unha das accións previstas xa que “se caracterizan, como sempre, pola súa rigorosidade histórica”.

A programación, que deu comezo o pasado 25 de marzo coa Festa da Primavera, contemplan cine, rutas, xogos, teatro, degustacións, obradoiros e conferencias, entre outras iniciativas.

Entre as novidades, o edil destacou a recuperación da “Ars Magirica’, que terá lugar a semana anterior do Arde Lvcvs. Unha actividade na que colabora a asociación de empresarios de hostalería para realizar xornadas gastronómicas para degustar tapas inspiradas nos pratos e sabores típicos do mundo romano.

Tamén se levará a cabo a recreación do Natalicio, un acto, onde participaran todas as asociacións abandeiradas cos seus estandartes.

Do mesmo xeito, para esta edición está programado un ciclo de conferencias en maio sobre cultura castrexa, con charlas sobre a pesca na Galicia galaico-romana coa participación de Eduardo González, e sobre os indicios de vivendas castrexas baixo Lucus Augusti, a cargo de Francisco Herves Raigoso. No ciclo de relatorios tamén se inclúen as que prepara a Cohors Iii Lucensium, onde se falará dos xardíns romanos, do Lvcvs Augusti e o turismo do futuro, as gladiadoras prohibídas ou os restos arqueolóxicos diferenciadores da cidade romana.

Obradoiros coas asociacións

No mes de abril, a programación inclúe obradoiros da man de Caetra Lucensium, que realizará unha demostración de como funcionaba unha bomba hidráulica de Cetsibio - Heron coa colaboración dos Bombeiros do Concello de Lugo, e da Lucus Icenas Miliatore, asociación que ensinará a realizar escudos. Tamén a Lucus Equites guiará aos asistentes pola vía XIX; as Asemblearias ofrecerán a oportunidade de buscar as ofrendas de Lucus Augusti; Kertix realizará unha mostra dos pequenos teares romanos e un obradoiro para Cestear coma un romano, e Terra Corpora realizará obradoiros de ourivería castrexa.

En maio, Senatus Lucus Augusti impartirá charlas sobre o ‘Senado, o Arde Lucus e a historia de Lugo’; Pax Romana impartirá xornadas de debuxo con xiz no chan; Salesiani Luci Augusti amosará a construcción dun mosaico con teselas de barro, así como a fabricación dunha cota de malla e a elaboración de coroas, e Vestales Lucus Augusti realizará estampacións en téxtil. Por último, A Ponte Romana acollerá a recreación histórica máis auténtica da vida cotiá dunha sociedade castrexa da Idade do Ferro tardía: O pobo dos Namarini, da man de Tir Na N’Og.

Do 1 ao 15 de xuño, haberá una exposición dos carteis da Festa Arde Lvccs dende o 2001 ata a actualidade e programaranse actividades da man de Ara Roma (obradoiro de reloxos) e Vestales Lucus Augusti (obradoiro de estampación).

Ciclo de cine arqueolóxico e paseos

Tal e como avanzou o edil, a programación inclúe un ciclo de cine arqueolóxico, no auditorio do Vello Cárcere. Será ás 20:00 horas os días 5, 12 e 19 de maio. Todas as persoas interesadas poderán gozar coas proxeccións de ‘Enxeñería romana: estradas’, ‘Outeiro de Can da Isca. Un novo petroglifo en Campo Lameiro’ e ‘O reino suevo de Galicia’.

Tamén volverán os  paseos con Paulo Fabio Máximo da man de Senatus de Lucus Augusti os días 23 de abril e 7, 14, 21 e 28 de maio. Ademais, poderase xogar co lanzamento de bolos co Club de Bolos Celtas Muralla, os días 2, 9, 16, 23, 30 de abril e 7 e 14 de maio.

As actividades poderanse consultar na web e redes de festa Arde Lvcvs (www.ardelucus.com) e a inscrición das actividades realizarase en formulario.xuventudelugo.gal.

Máis info

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o "Arde Lvcvs Cultural 2022" | Descargar mp3