Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
O Arde Lvcvs convida a Madrid a invadir Lugo esta fin de semana

11-06-2018

Carmen Basadre, acompañada de José Ramón Ónega, presentou a programación dos festexos na Casa de Galicia, coa finalidade de convidar á veciñanza madrileña a revivir, xunto á lucense, a historia de Lvcvs Avgvsti e gozar do legado cultural da cidade en primeira persoa

A Concelleira lembrou os descontos que ofrece Alsa para achegarse a esta festa, que conta con máis de 350 actividades, das que o 90% son novidades, entre as organizadas polo Concello e as asociacións de recreación histórica de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua,Carmen Basadre, desprazouse este luns á Casa de Galicia en Madrid, coa finalidade de convidar á poboación madrileña a invadir Lvcvs Avgvsti esta fin de semana e revivir, xunto ás e aos lucenses, a historia de Lvcvs Avgvsti, e gozar do legado cultural da cidade en primeira persoa. No acto de presentación da programación oficial do Arde Lvcvs MMXVIII, a edil estivo acompañada polo director desta entidade, José Ramón Ónega.

No transcurso do acto, Basadre enumerou as múltiples potencialidades do Arde Lvcvs, que este ano engloba máis de 350 actividades para viaxar 2.000 anos atrás, organizadas entre o Concello e as asociacións de recreación histórica, dirixidas a todos os públicos e en espazos destacados da cidade, das que o 90% son novidades. Nesta liña, Basadre anunciou o cambio de ubicación da Castra de Lvcvs Avgvsti, que nesta edición pasará a ubicarse no Parque de Rosalía de Castro, a II Mvrvs Lvcis, que enfrontará, nunha carreira polo adarve da Muralla a romanos e castrexos; o espectáculo nocturno Divinivm, no que guerreiros e guerreiras deberán superar probas de lume e auga; o recuncho do teatro no patio exterior do Vello Cárcere, ou as distintas actividades programadas tanto polas 17 asociacións de Lugo como polas compañías de teatro da cidade. Así mesmo, Basadre tamén deu conta da continuidade de actividades de gran éxito e expectación, como o Circo Romano, o desfile pola Ronda da Muralla, na que participan non só asociacións de Lugo e Galicia, senón do resto do territorio nacional e incluso de Francia, Italia e Rumanía, cun total de 44 colectivos participantes; e o desfile dos colexios, no que están prevista a participación de 4.000 persoas da comunidade escolar de Lugo.

Carmen Basadre tamén quixo expoñer como o patrimonio da cidade é partícipe nas festas, non só a Muralla, senón tamén a Ponte ou as Termas Romanas, onde terá lugar unha ofrenda ás ninfas, tras a entradas das lexións.

Pola súa banda, Ónega agradeceu a presenza do Concello e do Arde Lvcvs, unha edición máis, na Casa de Galicia, e alegrouse porque esta festa queira cautivar a madrileños e madrileñas, e a galegos afincados fóra, co encanto de Lugo.

A implicación, o que fai grande ao Arde Lvcvs

Na presentación, Carmen Basadre tamén tivo palabras para a implicación, unha das peculiaridades destes festexos, que fixo que o ano pasado conseguise ser declarada Festa de Interese Nacional, e coa que se traballa para o recoñecemento internacional. Deste xeito agradeceu publicamente a participación da cidadanía, de axentes sociais, clubs deportivos, organismos privados a través do patrocinio, a Deputación de Lugo, e por suposto, das asociacións de Lugo, que levan a cabo unha recreación histórica fidedigna arredor dos seus campamentos, situados en distintas prazas e lugares, que sosteñen un gran número de actividades do programa.

Para finalizar, a Concelleira lembrou o desconto que ofrece Alsa para achegarse a Lugo, un 25% dende mañá ao 19 de xuño, ao que lle hai que sumar a compañía Arriva, que ofrece unha reducción do 10% en todos os billetes de autobús a Lugo os propios días do Arde Lucus.