Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Presentación
linea Lara Méndez

Alcaldesa de Lugo
linea Mauricio Repetto

Concelleiro de Xuventude e Deportes
linea

Un Arde Lvcvs internacional!

O Arde Lvcvs regresa con máis forza ca nunca neste 2023, logo de repoñerse a unha pandemia mundial e de aproveitar ese momento como unha oportunidade para impulsar internacionalmente a súa fama. 

Unha proxección que se alcanzou grazas ao labor e implicación do tecido asociativo da cidade, da súa veciñanza, verdadeiros artífices de que esta celebración sexa todo un referente festivo e unha cita única en España coa que os e as lucenses homenaxeamos aos nosos antepasados e tamén os costumes que, dende hai máis de dous mil anos, nos definen como pobo.

Durante catro días, Lvcvs Augusti revivirá con paixón a nosa orixe e a súa sona reverberará con forza a nivel mundial para dar conta da consolidación que Lugo está adquirindo como atractivo turístico e patrimonial.

Será esta, sen dúbida, unha edición moi especial, na que contaremos con dous vixías de excepción apostados na Rolda da Muralla: o Julio César e a Castrexa que máis aló de embelecer a cidade son un espello no que poder identificarmos. Unha mostra do talento que habita en Lugo e que nos fai sentir tan orgullosos e orgullosas do que somos pero tamén da transformación urbana e social na que nos atopamos.

Así que, un ano máis, vivamos a nosa festa coa mesma paixón coa que comezamos esta gran aventura hai xa dúas décadas. Participade, caracterizádevos e engalanade as vosas vivendas e negocios, as fiestras, os balcóns... presumide do pasado que temos tan presente e continuade profundando no seu coñecemento e contribuíndo a espallalo alén das nosas fronteiras.

Gozade da animación de rúa, dos campamentos, o teatro, o circo, o macellum, as vodas e a música que son nexo de unión entre romanos e castrexos. Compartídeo cos vosos seres queridos e que toda esa ledicia dos reencontros e o rebulir cidadán sexa, como sempre, exemplo de convivencia.

Con todo o noso agradecemento aos colectivos e á veciñanza que traballa durante todo o ano, polo seu entusiasmo e dedicación para fornecer esta festa de recreación histórica cuxo poder de convocatoria e reclamo aumenta en cada edición, 

Romanas e romanos, castrexas e castrexos, neste 2023 seguide avivando, dende a concordia, a chama do Arde Lvcvs!


Lara Méndez

Alcaldesa de Lugo