NOTICIAS

O Concello premia os mellores escaparates e establecementos inspirados na Antiga Roma

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entregaron este martes no Salón de Plenos os premios correspondentes ao II Concurso de decoración de escaparates e establecementos do Arde Lvcvs. Trátase dun certame posto en marcha polo Concello en colaboración coa Federación de Comercio e a Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo para implicar os empresarios no Arde Lvcvs, promovendo entre os establecementos a decoración inspirada na Antiga Roma, facéndose así máis atractivos ao público. 

Carmen Basadre agradeceu a implicación tanto dos 2 locais gañadores como dos 13 demais participantes, ao tempo que puxo en valor a orixinalidade e a esencia do Arde Lvcvs que desprendían as creacións. Nesta liña, a edil quixo agradecer a resposta do comercio e da hostalería a esta iniciativa e a outras postas en marcha polo Concello e animounos a continuar involucrándose en todas as accións que promovan a cidade.

O segundo premio, dotado de 400 euros recaeu no establecmento de moda D´Nué e o terceiro, de 200 euros, en Veritas Veritais. Ambos os gañadores recibiron ademais un diploma acreditivo. Quedou deserto o primeiro premio, tanto para establecementos de hostalería, por non presentarse ningún escaparate, como de comercio, por non reunir os estándares mínimos para ser asignada a distinción.