NOTICIAS

O Arde Lvcvs MMXVI conquista Madrid

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e o Presidente do Consello do Estado, José Manuel Romay, presentou este martes na Casa de Galicia o programa oficial do Arde Lvcvs MMXVI, co obxectivo de convindar aos madrileños a achegarse a Lugo do 16 ao 19 de xuño e revivir a historia de Lvcvs Augvsti. Trátase dunha programación que engloba 400 actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, entre as organizadas polo Concello e as asociacións, das que medio cento son totalmente novidosas. “O Arde Lvcvs é unha festa dinámica, viva e en constante renovación”, subliñou a edil ao tempo que anunciou algunha destas novas actividades, como a apertura de portas, a comida de confraternidade romana ou o musical Hércules, que se suman a actividades de gran éxito destes festexos, como o Circo Romano, teatro pola rúa ou o desfile pola Ronda da Muralla.

“O ano pasado o Arde Lvcvs deixou 6 millóns de euros na cidade en 3 días e ata un 98% de ocupación hoteleira, achegándose a Lugo unhas 600.000 persoas, oportunidade que non podemos deixar escapar para promover a nosa cidade aproveitando estes festexos de recreación histórica, declarados de Interese Turístico Galego”, destacou Basadre. Neste senso, a edil lembrou que este ano, e por primeira vez, os tres Bens Mundiais cos que conta Lugo, a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo, serán testigos da convivencia pacífica entre romanos e castrexos.

Carmen Basadre convidou aos madrileños a asistir a esta festa, unha das máis particitivas de España, lembrándolles os descontos que ofrece tanto Alsa, un 25% do 13 ao 21 de xuño, como RENFE, un 30% dende o 14 ao 21, aos que lle hai que sumar a compañía Arriva, que ofrece un 10% de desconto para os que viaxen a Lugo os días 17, 18 e 19. Tamén quixo aproveitar para reivindicar apoios para que o Arde Lvcvs se convirta na mellor festa de España, a través dun concurso a nivel nacional en www.las7mejores.com, no que actualmete esta festa conta con máis de 5.200 votos, liderando a votación.

Pola súa banda, Ónega, quen lembrou os seus tempos de estudante na “cidade de poetas e guerreiros”, fixo fincapé en que “poucas cidades poden presumir de orixes imperiais e paisaxes de tempo marcados pola lenda, a tradición e a memoria. Lugo si, porque a fundou o glorioso Emperador Augusto e deulle o seu nome”.

Para finalizar, Romay agradeceu ao Concello, personalizao en Basadre, que se achegara a Madrid a presentar estes festexos, nun acto que contou coa presencia dunha trintena de persoas.

O Arde Lvcvs chega a Oviedo

Mañá mércores, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, achegaranse a Oviedo, custodiadas pola Guardia Pretoriana, para presentar estes festexos. Será ás 12:00 horas no Auditorio Príncipe Felipe.