NOTICIAS

Moedas oficiais Arde Lvcvs

A Cohors III Lucensium repartirá 10.000 moedas oficiais do Arde Lvcvs 2016

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da asociación Cohors III Lucensium, Manuel Fernández, escoltados por catro soldados romanos, presentaron este mércores a moeda oficial que esta asociación acuña, por sétimo ano, para os festexos do Arde Lvcvs, que terán lugar entre o 16 e 19 de xuño.

Durante a presentación, á que tamén asistiu o Director de Caixa Rural Galega, José Manuel Méndez, Carmen Basadre fixo fincapé no éxito acadado por esta iniciativa que a Cohors perfecciona cada ano A edil aproveitou para recoñecer o traballo en prol da historia e da cidade desta asociación, así como da súa recreación histórica.

Pola súa banda, Fernández explicou que con esta iniciativa a Cohors III Lucensium “quere que, unha vez máis, os asistentes se sintan identificados dunha forma lúdica e participativa co pasado romano da cidade, de xeito que público e comerciantes se involucren máis na festa, exportando ao mesmo tempo unha imaxe positiva e cordial da xente de Lvcvs Augusti”.

A moeda é un áureo, realizada en bronce e latón dourado, do ano 112 D.C. No anverso aparece o Busto do Emperador Trajano e no reverso, a columna de Trajano, coroada coa estatua do Emperador, e na base dúas aguias. Aparece tamén, pegada á columna, o xabalí representativo da asociación. A Columna do Emperador Trajano foi construída entre o ano 98 e o 117 D.C para celebrar a vitoria de Trajano en dúas guerras de conquista.

Cohors III Lucensium repartirá unhas 10.000 moedas a partir de mañá. Cada moeda ten o valor de 2 euros. Unha vez finalizadas as festas, os romanos que queiran os seus euros poderán trocar a moeda do Arde Lvcvs no Banco Central, situado no Pazo de Orbán, ata o 26 de xuño.

Os interesados poden cambiar a súa moeda na caseta da Cohors que se situará na Praza Maior, no Hotel Pazo de Orbán, en Firi Mujer, Xoiería Honorino, Estanco Galerías rúa da Cruz – Armanyá, Unha de Romanos, Faro dos Tres Mundos, Confeitaría Ramón, Caixa Rural Galega, Store do CD Lugo e panaderías e pastelerías do grupo Ingapan. Ademais, a Cohors III Lucensium pon á venda colgante e pulseiras coa moeda, por un prezo de 5 euros, nestes mesmos establecementos colaboradores.

Para calquera outra información poden dirixirse á asociación a través do enderezo electrónico info@cohorsIIIlucensium.es ou chamando ao teléfono 982-24-02-17.