NOTICIAS

O Arde Lucus “recluta” romanos e castrexos en Madrid

Carmen Basadre, acompañada de José Ramón Ónega, presentou a programación desta “festa da xente e para a xente” en Madrid, que este ano estrea a distinción de Interese Turístico Nacional

A edil convidou á veciñanza madrileña a aproveitar os descontos de Alsa e achegarse aos festexos, que contan con máis de 300 actividades dende este venres ás 16:00 horas, e ata o domingo ás 23:30 horas

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua,Carmen Basadre, achegouse este mércores á Casa de Galicia en Madrid, co obxectivo de convidar aos madrileños a revivir a historia de Lvcvs Avgvsti esta fin de semana. No acto de presentación da programación oficial do Arde Lvcvs MMXVII, que esta edición estrea o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional, a edil estivo acompañada polo director desta entidade, José Ramón Ónega.

No transcurso do acto, ao que asistiu unha trintena de persoas, a edil exhibiu as potencialidades do Arde Lucus, que este ano contempla 300 actividades, organizadas entre o Concello e as asociaciós de recreación histórica, dirixidas a todos os públicos, das que 40 son novidosas con respecto a outras edicións. Nesta liña, Basadre anunciou algunha delas, como unha andaina polo adarve da Muralla este venres a partir das 22:00 horas, ou o torneo de Harpastum, un deporte entre o fútbol e o rugby, tamén o venres ás 23:00 horas, na explanada do Pavillón Municipal; que se suman a actividades de gran éxito destes festexos, como o Circo Romano, representacións teatrais e música polas rúas ou o desfile das tropas romanas e tribus castrexas, no que nesta edición participan 44 asociacións, tanto de Lugo, como do resto de Galicia, España e outros países europeos.

A Concelleira explicou que o patrimonio histórico romano de Lugo tamén forma parte da festa, non só no desfile, ao redor da Muralla, senón tamén, por exemplo, na entrada de tribus pola Ponte Romana, ou nunha ofrenda ás ninfas nas Termas, outra das novidades deste ano.

Nesta liña de enxalzar a cidade fixo fincapé Ónega, para quen “Lugo non é unha cidade, é un tesouro do tempo, da arte e da Historia. Lugo é un milagro”. Así mesmo engadiu que Lugo ten unha muralla monumental porque “tivo sempre algo que gardar, que defender e que ofrecer”, ao tempo que lembrou a Álvaro Cunqueiro que “gustaba el de instalarse nas portas da Muralla para contemplar a entrada, a chegada e a paisaxe da cidade”.

Para rematar agradeceu a Carmen Basadre a súa presenza na Casa de Galicia un ano máis “por traernos un soplo de vida e de morriña... por traernos Lugo, o encanto, o recordo emocionado, a vida mesma”.

 

Unha festa da xente para a xente

“Unha festa da xente para a xente”. Así definiu a Concelleira o Arde Lvcvs na presentación, onde puxo en valor a total implicación da cidadanía, centros educativos e distintos colectivos na cidade.

Nesta liña, Basadre fixo un recoñecemento a todas e cada unha das 18 asociacións luguesas, ao tempo que convidou á veciñanza madrileña a que visiten tamén os campamentos destes colectivos, situadas en distintas prazas e lugares da cidade, onde poderán mercar moedas romanas ou castrexas, así como observar en directo a elaboración de cervexa artesá ou de ceites esenciais, entre outros. 

Para finalizar, lembrou o desconto que ofrece Alsa para achegarse a Lugo, un 25% do 27 de xuño ao 4 de xulllo, ao que lle hai que sumar a compañía Arriva, que ofrece unha reducción do 10% en todos os billetes de autobús a Lugo os propios días do Arde Lucus.

  

Un saúdo

GABINETE DE COMUNICACIÓN